Wednesday 03 de July de 2024

O Concello de Oleiros organiza unha ruta familiar visitando a lagoa e mosteiro de Sobrado


O Concello de Oleiros organiza unha ruta familiar pola lagoa e mosteiro de Sobrado enmarcada no programa Andares por Galicia, a cultura da natureza para o próximo sábado 29 de xuño.

O vindeiro sábado 29 de xuño terá lugar unha nova edición do programa Andares por Galicia, a Cultura da Natureza, organizado polo Concello de Oleiros, coa Ruta Familiar: Lagoa e Mosteiro de Sobrado.

As persoas participantes visitarán puntos de interese como a Fraga da Casa do Gado, a lagoa de Sobrado, o Camiño de Santiago Norte, a área de lecer de Ponte Pedra ou o carballo de Portacal (árbore senlleira) para rematar cunha visita cultural ao Mosteiro de Sobrado dos Monxes.

Nesta ocasión trátase dunha ruta familiar, dirixida a familias, na que poderán participar menores que como mínimo cumpran 6 anos no ano da actividade, acompañados/as de pai, a nai ou titor/a legal. Así, deberán inscribirse, como mínimo, un/unha menor máis un/unha proxenitor/a ou titor/a. Poderán participar fillos/as maiores de idade.

A saída contará con 3 guías especializados/as e ofértanse 40 prazas, cun prezo de 23 euros para persoas maiores de idade e 6 euros para as menores.

As preinscricións realizaranse preferentemente na Sede electrónica/catálogo de trámites/cultura a partir do mércores 12 de xuño ás 10.00 horas ou de forma presencial no Centro Cultural A Fábrica (de 10:00 a 14:00 horas).

RUTA FAMILIAR: LAGOA E MOSTEIRO DE SOBRADO – Concello de Oleiros – oleiros.org

Para obter máis información sobre esta ruta e o conxunto do programa é posible dirixirse ao Departamento de Cultura do Concello de Oleiros, situado no centro cultural A Fábrica, ben fisicamente ou a través do teléfono 981 636 598 ou do correo electrónico r.caparros@oleiros.org.